Hoxe 16 de setembro hai 5 anos dende que o proxecto do Colectivo NÓS botou a andar tras a asemblea fundacional no parque de Castrelos de 2013. Cinco anos oficiais que non oficiosos, xa que a idea ten algo máis de tempo. Aquel idílico proxecto, que tiña entre os seus alicerces fundacionais o galeguismo e o celtismo, paseniñamente fíxose un oco no celtismo e hoxe podemos afirmar orgullosos que a idea que transmitimos todos/as os que formamos o colectivo é un referente tanto na bancada coma noutros ámbitos asociativos, culturais e combativos nos que tamén temos presenza.

O proxecto do Colectivo NÓS é noso, de tódolos/as galegos celtistas que se consideran tal, orgullosos/as de selo e sen complexos, daqueles celtistas que teñen no seu corazón e na súa cabeza un proxecto de nación soberana e dona de si mesma.

No celtismo xa temos o noso proxecto, porén veríamos con orgullo que esta idea se espallase e en tódalas vilas e cidades galegas naceran proxectos de peñas cando menos semellantes ao noso, no que o obxectivo final fora amosar o noso orgulloso polo noso e polos nosos por enriba de cartos, títulos, ou prensa.

O Celta, que é a razón de ser da nosa existencia, non debería esquecer nunca isto, nin as súas raíces, nin o motivo polo que foi fundado e o que quería representar aló en agosto do 1923; e ser consecuentes con esta idea en tódolos campos de actuación.

Dende aquí queremos felicitar a tódolos nosos socios/as e máis simpatizantes polo noso V Aniversario. Sen vós isto non sería posible. Eternamente agradecidos queremos seguir contando co voso apoio nesta tempada e por mil tempadas máis. E por iso convidámosvos a pasar unha xornada de celtismo e patria o vindeiro venres 30 de novembro na Sala Masterclub de Vigo onde organizamos a nosa festa concerto para celebralo.

Agardamos vervos a todos alí, así como ao resto de amigos/as celtistas doutras peñas e do resto do país que compartan a nosa idea. Un saúdo compañeiros/as. Longa vida ao Colectivo NÓS.

Galiza sempre está na nosa ialma e o Celta no noso corazón.