A todo o celtismo:

Somos un grupo de peñas formadas por varios centos de celtistas coma vós. Xente que leva moitos anos apoiando ao clube, coma en Sevilla chorando a 40°, en Granada tirando aquel penalti con Michu, animando no 4% contra o Xerez ou Valladolid, naquela praza de Manchester… seareiros coma vós que gastamos unha gran parte dos nosos cartos en renovar o abono, viaxar co equipo e realizar actividades para apoiar aos nosos. Aínda lembramos cando o Celta chamaba por nós para que mercaramos bengalas e fixeramos os recebementos que todos lembramos, para que non os deixaramos sós nas malas. Moito tempo e moitos cartos invertidos na nosa paixón.

E agora resulta que molestamos e as nosas señas de identidade non teñen cabida no vello e inseguro Balaídos. As nosas faixas, algunhas con décadas de partidos detrás, non teñen un oco na bancada. Todo en base a unha normativa que só pensa no negocio. Aprobada pola LFP e acatada, interpretada e aplicada polo Celta mansamente, sen rechistar nin un chisco e sen ter a mínima consideración para reunirse coa sua afección, informala e propor unha solución decente a este problema. Destacamos a forma na que o Celta nos trasladou esta medida por primeira vez: comezada a tempada, no medio dun partido e a través de traballadores de Prosegur. En ningún momento tivemos dispoñibilidade do Celta tendendo a man. Como cambian as cousas cando o equipo vai ben!

O último argumento empregado polo Celta para aplicar esta medida é o comercial: coas nosas pancartas tapamos os logos de Abanca, Adidas, Estrella Galicia, Bet365 e o RCCelta. Semella que eles e os seus cartos son máis importantes ca nós e o noso diñeiro, e que ese recuncho publicitario que ocupamos dende hai moitos anos agora é vital no seu porvir empresarial. Unha mágoa, claro que sí.

Semella que os seareiros importamos xa moi pouco neste negocio no que convertiron unha cousa tan fermosa como era o fútbol.

Odio eterno ao fútbol moderno.
Sempre Celta

Grada de Marcador