O pasado sábado 23 organizamos unha romaría no parque de Sanín en Comesaña (Vigo) para celebrar con todos os socios/as o X Aniversario do Colectivo NÓS. Ao evento acudiron máis de 65 persoas que deron boa conta dun churrasco e filloas preparadas polos colaboradores Fiz Axeitos e Capitán Filloa.

Para amenizar a xornada contamos cun grupo de gaitas pola mañá e durante o vermute, e logo coa selección musical de Dj Adri pola tarde cando se desputou a fase final do torneo de chave que celebramos durante toda a xornada.


Ao final da romaría, xa mediada a tarde, parte dos asistentes desprazámonos ata un furancho próximo para seguir o partido do Celta contra o Barça concluído con derrota. E aínda un nutrido grupo de socios/as romeiros continuaron máis tarde a xornada no festival Freixorock que se celebraba na parroquia veciña do Freixo.