O pasado domingo 17 de setembro o Colectivo NÓS organizamos unha visita ao pequeno paraíso da Illa de Cortegada, as seculares Torres de Catoira, ao enorme hórreo do Araño e a mariñeira vila de Rianxo; á que acudiron máis dunha ducia de socios e amigos.

Na Illa de Cortegada, situada na boca da Ría de Arousa está incluída no Parque Nacional das Illas Atlánticas, atopamos o bosque de loureiros máis grande do suroeste de Europa rodeado dunha atmósfera máxica froito dos restos medieváis e relixiosos, así como as ruínas da aldea dos antigos moradores abandonada forzosamente hai un século. A illa non está aberta ao público masivo e só pódese visitar en excursións organizadas e acompañadas por persoal do parque nacional que guían nun percorrido de algo máis de 2 horas.

Logo da illa, a mediodía tomamos o vermute na vila de Carril, onde tamén xantamos ao carón da lonxa, para logo máis tarde visitar tamén os restos das Torres de Catoira antes de cruzalo río Ulla para facer o mesmo co hórreo máis grande de Galicia situado na parroquia do Araño na vila mariñeira de Rianxo, onde finalizamos a xornada antes de regresar á casa, e onde visitamos as vivendas onde naceron Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste.