Hoxe fai 8 anos dende que este proxecto do Colectivo NÓS comezou a súa andaina oficialmente cunha Asamblea Constituínte no auditorio do parque de Castrelos. Aquel 16 de setembro do 2013 non foi unha data escollida ao chou pois coincide co aniversario do IX Congreso de Nacións Europeas, precursora das Nacións Unidas, onde por primeira vez se recoñecía a Galiza como nación tendo voz propia en Europa. Tamén case coincide no tempo co aniversario do primeiro Celta europeo de 1971 que tivo o orgullo de ser o primeiro equipo galego en disputar unha competición oficial continental.


E neste oitavo aniversario coma colectivo que pretende ser algo máis que unha peña futbolística, ademais do celtismo que nos une tamén amosamos o noso espírito galeguista e defensa dos seus ideais nun Celta ao que lle demandamos como institución que valorice e respecte a intención dos seus fundadores no 1923 para coa sociedade e deporte galego. Porén nesta data non queremos deixar de lembrar tamén o centenario da constitución do Grupo NÓS coma colectivo que deixou unha fonda impronta e vigoroso pulo na cultura galega e que serviron de inspiración para o nome da nosa organización.

Nesta conmemoración queremos agradecer aos nosos socios/as e mailos colaboradores, tanto aos que xa non están coma aos actuais, e tamén aos que de seguro virán a formar parte desta gran familia no futuro; para que continúen firmes no noso propósito común de sementar celtistas polo país sendo galegos combativos e comprometidos. Moitas grazas de corazón porque sen vós non sería posible. Por moitos aniversarios máis!

Galiza sempre está na nosa ialma e o Celta no noso corazón.