Cando aínda moitos socios/as do Colectivo NÓS están recuperándose das consecuencias da carallada da festa concerto de celebración do noso V Aniversario, publicamos unha escolma de imaxes do acontecido na noite do pasado venres 30 de novembro. Escolma do que se pode publicar.

Na sala Masterclub xuntámonos case douscentas persoas para desfrutar da música hip hop da banda ponteareán Sondarúa e tamén da música dos nosos compañeiros celtistas de Keltoi!. Estivemos arroupados de moitos celtistas e membros doutras peñas coma Celtarras, Peña Natxo Insa, Baixo Miño Firm, Merlegos Celestes, Irmandiños 1923, Siareiros Dezaos, Tropas de Breogán, Lechuzas Celestes, Centolos Celestes e Peña Muradana Pepa a loba; e tamén de colectivos coma A Revolta, Faísca, Arrulique ou Coordinadora Antifascista Vigo/Pontevedra.

Ficamos moi agradecidos a todos os que asistiron para compartir a noite connosco, así como tamén ás persoas que colaboraron na venda de entradas coma Charo e a súa xente do Bar Princesa, a Patri do Curruncho dos Titos, a Víctor e Davi da Cafetería The Movie; a Magín e a xente da sala Masterclub, e tamén a Fundación Celta de Vigo e a Federación de Peñas do Celta.