O pasado sábado 10 de setembro no Colectivo NÓS celebramos o primeiro xantar da presente tempada de Liga 2016-2017, pero pola gracia de Javier Tebas Medrano e de quen llo consinte, tivemos que organizalo ao rematar o partido do Celta contra o Atlético de Madrid por xogarse este no esperpéntico novo horario das 13:00 horas.

A xornada comezou con ceos cubertos que presaxiaban a chegada das choivas que caerían despóis sobre Balaídos xa na segunda parte do encontro coincidindo cos 4 goles do Atlético de Madrid. Augacero e cero catro. E así chegou a terceira derrota do Celta nesta Liga cun final do partido no que a bancada local animamos sen cesar para tentar levantar o ánimo do equipo neste complicado momento.

E finalizado o partido, cesou a choiva e comezou a festa. Ata o Mesón Delfín en Matamá nos desprazamos 30 celtistas socios do Colectivo NÓS e algún socio tamén das peñas Teixugos e Sempre co Celta, onde correu o churrasco, calamares e polbo regados con viño e licor café, e amenizado co son da gaita do noso compañeiro Roberto Costas Costas.

E na sobremesa aproveitamos para intercambiar bufandas con algún socio da Peña Celtista Teixugos que participou no noso xantar e para tramar futuras viaxes co Celta ata Iruña na seguinte fin de semana.