O pasado sábado 26 de setembro o Colectivo NÓS desprazámonos dende a Galiza ata Euskadi para acompañar ao Celta no seu partido contra a SD Eibar no mítico estadio de Ipurúa. Realizamos a primeira viaxe desta tempada compartindo máis de 18 horas de autobús cos amigos das peñas Irmandiños 1923, Preferencia Celeste, Porcos Celtas e Baixo Miño saíndo de Vigo na madrugada do sábado e regresando 30 horas máis tarde.

Chegados unha vez á Eibar xantamos no bar Gurbi, sede da peña local Eskozia La Brava, onde compartimos previa toda a tarde con eles e a maioría dos celtistas que chegaban á cidade para alentar o Celta, convertindo o lugar no punto de reunión e irmanamento entre as dúas afeccións.

A previa foise quentando ata o momento de marchar ao estadio e tomar posicións na grada visitante situada no Fondo Oeste de Ipurúa, dende onde animamos os 90 minutos do partido. Tamén había socios nosos infiltrados noutras gradas como en Tribuna, compartindo espazo con máis celtistas.

Berramos, cantamos e animamos durante o partido como mellor soubemos axudando ao Celta a lograr o empate no difícil campo do Eibar. Rematado o partido emprendimos o camiño de regreso a Vigo cansos e afónicos pero cunha agradable impresión e recordo dunha gran previa cunha afección amiga, como é tradición entre siareiros vascos e galegos.

Volveremos?