O sábado 10 de xuño celebrouse a III Romaría Celtista en Muros organizada pola Peña Celtista Cuadrilla de Pepa A Loba. A vila mariñeira acolleu a terceira edición desta festa celtista itinerante despóis de celebrarse en Lalín e Compostela en anos anteriores.

A romaría, que congregou a varios centenares de celtistas chegados de toda Galiza, dividíuse en actividades diurnas antes e despóis da sesión vermute e o xantar de confraternización montado nunha carpa no porto da vila. Entre as actividades organizadas houbo monólogos, rutas guíadas polo casco vello de Muros, paseos en barco de vapor pola ría, xinkanas, contacontos, etc. A programación completábase coa ‘romaría rock’ pola noite cos concertos das bandas Astarot, Keltoi! e Pintura Plástica.

O Colectivo NÓS estivo representado por máis dunha ducia de socios que se desprazaron pola sua conta ou no autobús fletado polo Celta e FDP dende Vigo. Connosco estiveron  celtistas das peñas Merlegos Celestes, Tabernícolas, Siareiros Dezaos, Le-chuzas, Centolos Celestes, Celtarras, Esmorga, Carcamáns, etc.

A continuación amosamos unha pequena galería de imaxes tomadas na romaría que terá continuidade o vindeiro ano 2018 na Illa de Arousa organizada pola peña Carcamáns que aproveitará para celebrar o seu XX Aniversario.