Amenceu a mañá do pasado domingo 23 de outubro cun horizonte cincento que presaxiaba unha xornada treboenta no fondo do Val do Fragoso, nese recanto chamado Balaídos, onde conflúen as augas mansas do Río Lagares cos regueiros axitados de celtistas emanados dende as catro esquinas da Galiza.
E pasaron as horas e avanzou a mañá e o mal presaxio materializouse en choiva do ceo e choiva de goles. Dos nosos. Goleada celeste iniciada polo noso capitán Hugo Mallo e continuada por Iago Aspas en dúas ocasións e mais por Fabián Orellana. 4-1 anunciaba o marcador de Balaídos co asubío final do colexiado namentres as bancadas tremían coa festa local.
E no Colectivo NÓS, coma froito dunha visión mística nunca admitida da festa que acontecería despóis no mediodía dun domingo de outubro, organizamos un xantar a mesa posta do que dar conta ao remate do partido. Xantar potente para un partido potente: un cocido. Todo disposto pola xente experta e ben coñecida nosa do Mesón O Viñadeiro.
35 socios e celtistas que nos xuntamos arredor dunha mesa (ou dúas) con gañas de troula e festa que se extendeu na sobremesa ata ben mediada a tarde. Ou a noite, porque houbo algúns que pecharon o vicioso círculo das vitorias celtistas e regresaron de novo ata Balaídos para rematar a festa que comezara 12 horas antes.
Xornada de celtismo inesquecible para gloria dos que a vivimos e desfrutamos en Balaídos. E abofé que viviremos moitas máis. ¿Dubidádelo?