O pasado sábado 18 de abril, o Colectivo NÓS sumou outro roteiro ao seu mapa de descubertas pola Galiza máis auténtica. Desta volta, o punto de encontro foi a Caracola de Donón, en Cangas, porta de entrada a un dos treitos máis fermosos e esquecidos da Costa da Vela.
Da man de Xosé Couñago, divulgador cultural de referencia que xa nos acompañara en anteriores saídas, percorremos carreiros entre natureza e historia.
O carreiro levounos desde a aldea de Donón ata a aldea baixomedieval abandonada de Punxeiro, ao pé do castro, onde a conversa se abriu ás grandes preguntas dos misterios que agocha. Alí descubrimos as aras votivas ao deus galaico Berobreo, inscricións que conectan con aquelas comunidades castrexas que miraban cara ao mesmo mar que miramos nós desde o alto do Facho de Donón, coas Cíes ao fondo e o vento que sempre estivo alí.







































