O pasado domingo 20 de marzo dende o Colectivo NÓS programamos unha actividade de lecer e confraternización ao aire libre para disfrute dos nosos socios. Esta actividade consistíu nun percorrido a pé e bicicleta pola coñecida como “Senda da Auga” entre Vigo e Redondela.
A “Senda da Auga” é unha ruta natural que discorre por diversos accesos e vías de servizo sobre a vella canle que transportaba auga dende o encoro de Eiras, en Fornelos de Montes, ata a cidade de Vigo. O último tramo entre Redondela e Vigo, que foi o nós realizamos, percorre unha zona de gran beleza entre bosques e regatos dende a que se contempla boa parte da Ría de Vigo, a Ponte de Rande e a Enseada de San Simón.
Unha ducia de persoas nos citamos arredor das 10:30 horas na rúa Cantabria, onda os depósitos de abastecemento de auga de Vigo, para emprender a marcha durante pouco máis de 3 horas ata o mediodía. A maioría dos participantes fixeron unha parte deste traxecto a pé ata a fervenza do Regato Fondón, corrente de auga que baixa do Monte Vixiador ata Chapela, onde descansamos un anaco antes de iniciar o camiño de regreso ata o punto de partida.
Outros fixeron o percorrido en bicicleta de montaña de ata 20 km chegando ata as inmediacións do Alto dos Valos, entre os concellos de Redondela e Mos, onde tamén fixeron un descanso cuns petiscos e tapa de polbo antes de regresar ao punto de partida polo mesmo camiño de ida como fixo o grupo que participou a pé.
Unha vez retornados ao inicio do percorrido e punto de encontro, desprazámosnos ata o Mesón Val de Regadas na rúa Travesía de Vigo onde estaba concertado un xantar para todos os que participaran no roteiro. Durante o xantar a valoración da actividade foi moi satisfactoria para todos e falouse de repetila no futuro percorrendo outras rutas nos arredores de Vigo.
A xornada rematou de forma inmellorable pola tarde coas vitorias do Celta B (0-1) en Estella e a do Celta (0-2 )en Valencia, ao que seguimos pola televisión na terraza dun bar nos aledaños de Balaídos, e que nos afianza no soño de regresar novamente ás noites de fútbol europeo a vindeira tempada.