O pasado sábado 11 de xuño máis dunha ducia de socios do Colectivo NÓS desprazámonos ata a capital do Deza, Lalín, para unirnos a todo o celtismo alí congregado e participar na II Romaría Celtista que este ano organizaban os amigos da peña Siareiros Dezaos.
Varios centos de celtistas de máis de 20 peñas chegadas de toda Galiza, e incluso fora do país, xuntámonos para desfrutar dunha xornada de fraternidade cun xantar popular e amenizada por varios concertos dende o mediodía ata a madrugada dentro da carpa na que tocaron Keltoi, Ultima Sacudida, Tiro na tesa e Dakidarría.
Durante a sobremesa anuncióuse a peña organizadora da III Romaría Celtista o vindeiro ano 2017, achegándose nesta ocasión á beira do mar na vila mariñeira de Muros, da man da Peña Celtista Muradana Pepa A Loba. Ata aló iremos dentro dun ano. Longa vida ao celtismo!