O Colectivo NÓS organiza o vindeiro xoves 19 de novembro ás 21:00 horas unha videoconferencia arredor do futuro da Selección Galega con figuras destacadas do actual fútbol galego.
Cando se cumpren 15 anos dende o regreso da Selección Galega de fútbol aos terreos de xogo no século XXI e coincidindo coa data do 98º aniversario do primeiro partido oficial dun combinado galego, o vindeiro xoves 19 de novembro, o Colectivo NÓS reúne nunha videoconferencia a varias figuras destacadas do fútbol galego para falar sobre o presente e futuro da Irmandiña.
A charla será retransmitida en vivo ás 21:00 horas polas canles de Facebook e Youtube do Colectivo Celtista e Galeguista NÓS, moderada pola xornalista María Sabarís, e contará coas intervencións do músico e escritor Xurxo Souto como promotor do movemento bravú que rescatou o debate da Selección Galega nos anos 90, do adestrador Fernando Vázquez como seleccionador no 2005 xunto a Arsenio Iglesias, do porteiro celeste Sergio Álvarez como gardaredes no combinado do 2016 e da xogadora recoñecida internacionalmente, Verónica Boquete.
O Colectivo NÓS, como agrupación de seareiros celtistas que loita por defender a identidade galeguista dun Celta que comparte orixe coa selección (dous dos fundadores do clube, Manuel de Castro e Pepe Bar foron os primeiros seleccionadores galegos), organiza esta videoconferencia como revulsivo para tentar recuperar o foco de atención sobre a Selección Galega e o seu futuro ante a pasividade da federación e as institucións do país nun momento de incerteza cando se cumprirán 4 anos dos seus últimos partidos oficiais disputados.