O pasado sábado 27 de abril o Colectivo NÓS organizamos unha xornada en Compostela con visitas ao Gaiás á exposición ‘Valor e mestría. Galicia como fútbol‘, ao Panteón de Galegos Ilustres e xantar na cervexaría Merlegos para seguir o partido Leganés-Celta.

Valor e mestría. Galicia como fútbol‘ é unha espectacular exposición sobre o fenómeno do fútbol na Galiza cun percorrido histórico que comeza no ano 1876 cando se documenta a primeira referencia fútbol na nosa terra, e finaliza no gol de Iago Aspas no recente Mundial de Rusia. A exposición, con entrada gratuíta, está conformada por máis de 300 pezas das que 200 son orixinais.

Despois de desprazarnos ata Compostela en tren e visitar a media mañá á expoisición no Gaiás, baixamos a pé ata o convento de Santo Domingo de Bonaval para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e presentar os nosos respetos e lembranza onde respousan os restos de galegos sobranceiros coma Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Xa no mediodía, e despois dunha para previa para tomar un vermute na rúa de San Pedro, chegamos ao fogar do celtismo en Compostela, na cervexería Merlegos e sede da nosa peña irmá Merlegos Celestes, onde xantamos contundentemente e fixemos sobremesa para seguir o partido que o Celta disputaría no estadio de Butarque contra o Leganés. Máis tarde xa co solpor collimos o último tren de regreso á Vigo rematando así unha xornada xenial na capital da Galiza.