O pasado sábado 8 de abril organizamos unha nova andaina, despóis das realizadas en anos anteriores polo Río Xabriña ou a Senda da Auga, e nesta nova ocasión cunha ruta circular de 3 horas de duración polos montes de Coruxo, San Miguel de Oia e Saiáns.

Partimos arredor das 11:00 horas dende o Campo da Pirucha onda o Cabo Estai, e percorrimos os parques forestáis de Saiáns, logo San Miguel de Oia e chegamos ata o parque forestal de Coruxo facendo cumio no Mirador do Maúxo Grande. Polo camiño visitamos o conxunto de petroglifos do Carballoso e a fonte de Abelleira onde fixemos parada para descansar e repoñer forzas.

Finalmente rematamos a andaina arredor das 14:00 horas parando para xantar nun local con terraza no medio da parroquia de San Miguel de Oia antes de regresar ao punto de partida á beira do mar en Cabo Estai. Tódolos participantes ficamos moi contentos coa actividade e con gañas de repetir experiencia en vindeiras datas. Anímaste a vir?