O noso derbi sempre é unha data diferente, desas que marcas no calendario o mesmo día do sorteo. Porén o do pasado sábado o era especialmente para quen formamos o Colectivo NÓS. Por vez primeira organizábamos un desprazamento e decidimos estrenarnos cun autobús de dúas plantas, axudando a 85 celtistas a estar en Riazor. Para unha peña con pouco máis dun ano de vida o reto era importante.
A nosa previa comezou nos arredores de Balaídos, cun xantar que serviu para afinar as gorxas e quentar os ánimos. No medio da festa chegou a mala noticia. Por culpa dunha avaría non estaba dispoñíbel o autobús contratado e teríamos que dividir o grupo en dous buses. Un pequeno contratempo nunha xornada que sería redonda.
Os nosos buses encabezaron a comitiva celeste entre estreleiras, bandeiras de Portugal e un sen fin de cánticos. Arrancamos en Balaídos con medio bus botando. Afouteza e corazón en estado puro. Paramos en Compostela a recoller aos compañeiros de Merlegos Celestes. A comitiva xa estaba completa, ademais dos Merlegos con NÓS viaxaron a Peña Porcos Celtas e a Peña Baixo Miño.
O vivido no estadio foi espectacular. Gañamos no céspede e na bancada. Un milleiro de celtistas dimos alento aos nosos sen descanso durante máis de noventa minutos. Gorxas en pé. Puños en alto. Imos Celta forza Celta eh eh! A Rianxeira, o Miudiño, fútbol de salón… Que bonito é escoitar todo iso no campo do eterno rival. Celtismo en estado puro.
O final foi apoteósico. Equipo e afección celebrando xuntos a vitoria. Agradecéndonos mutuamente o esforzo realizado. Ese é o camiño. A unión fai a forza!
Queremos dar as grazas a todas as persoas que viaxaron con NÓS polo seu comportamento e a súa afonía.
Seguiremos percorrendo quilómetros para estar ao teu lado.
Sempre Celta! badocams.com
Texto publicado en Vigo Ultima Hora o 26 de febreiro de 2015.