O Colectivo NÓS asinamos o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección”

O Colectivo NÓS súmase ao centenar de voces que reclamar o dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional. Con esta sinatura queremos engadir o noso gran de area na xusta reivindicación para que as e os deportistas poidan competir baixo a bandeira galega e exhibila cando soben ao podio, ademais de galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero.

Co texto, que esta aberto a adhesións individuais e colectivas na web de Vía Galega, a plataforma Vía Galega apela ao dereito da Galiza a “estar representada, como tal, en todas as disciplinas deportivas”.

Nesta primeira fase da campaña “Galiza, un Pobo, unha selección”, Vía Galega promove o manifesto entre deportistas, adestradores, federacións, entidades deportivas, peñas e cidadanía en xeral despois de que en citas deportivas tan importantes como a Eurocopa de fútbol e os Xogos Olímpicos, a Galiza, como nación, estea excluída é, por tanto ausente, ao contrario que outras nacións como Escocia e Gales.

Desde a plataforma Vía Galega poñen de manifesto que na Galiza “a situación de orfandade e desleixo é total, nin a Xunta nin a Federación Galega de Fútbol son favorábeis a organizar, nin tan sequera, encontros internacionais amigábeis coas nosas seleccións”.

Alén dos centos de persoas e colectivos sociais que asinaron nestes primeiros días o manifesto, este contou inicialmente co apoio público de Fernando Vázquez, ex adestrador do Celta e do Deportivo, alén de seleccionador nacional; Pili Neira, adestradora da selección galega feminina de fútbol; Xulia Vaquero, plusmarquista dos 5000 m, noveno posto olímpico en 10.000 m en Atlanta 96 e subcampioa europea de cross; Antón Ruanova, subcampión do Estado Español de tríatlon; Alba Cuba Dorado, subcampioa estatal junior de declatón; Hugo Sánchez Flores, xogador do Fútbol Sala Santiago-Futsal e Burela e mellor deportista lucense de 2011; Cristina Fernández Piñeiro, primeira muller árbitra de balonmán en Europa; Fiz Rodríguez, segundo adestrador da SD Compostela; Román Sánchez Besteiro, coordinador da Federación de Peñas do C.D. Lugo; Óscar Martínez Souto, árbitro de fútbol; Adolfo Sainz Maza, campión galego de Decatlón; Adrián Carreira Penalonga, atleta de Decatlón; Ismael Romero Saborido, remeiro do Clube de Remo de Cabo da Cruz da liga ACT; Daniel Vázquez Labrada, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Bernardo Máiz Bar, remeiro do Clube de Remo de Ares da liga ACT; Xurxo Souto, impulsor das seleccións e de Seareiras Galegas; Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e de Educación Física da UDC; Manuel Polo, licenciado en Educación Física e adestrador de atletismo; Severino Gómez Neira, director técnico do Club A Cambadela; Xan Rodiño, presidente da Asociación Cultural e Deportiva de Billarda Rías Baixas e impulsor da Liga Nacional de Billarda e Anxo Amado, directivo do Santiago-Futsal.

Desde o Colectivo NÓS animámoste a asinar o manifesto “Galiza, un Pobo, unha selección” na ligazón: https://viagalega.gal/galiza-un-pobo-unha-seleccion/

Show 2 Comments

2 Comments

  1. Xesús Dieguez Taboada

    Unha nazón,unha selección….

  2. Xesús Diéguez Taboada

    Selección galega xa!!!!

Comments are closed