O Colectivo
A idea do Colectivo NÓS
Contaba Manuel Bragado nun recente artigo publicado o pasado mes de agosto polo 90 aniversario do Celta, que dende a súa fundación, o clube tivo a vontade de ser a primeira selección galega. Juan Baliño Ledo, un dos impulsores da fusión do Real Vigo FC e do Fortuna, os dous equipos que conformaron o Real Club Celta de Vigo, contoulle emocionado a él que o grupo de fundadores pretendeu crear un equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia polo mundo adiante. O propio nome do equipo, escollido entre outros tan simbólico como Club Galicia e Breogán, amosa ese poder identitario galego que posúe o Celta. Durante toda a súa historia, mesmo a pesar da longa noite de pedra da ditadura, este entusiasmo galeguista, pacífico ate o lirismo, formou parte do ADN do Celta e do celtismo.
Baixo a defensa desa premisa galeguista na identidade do Celta ten a orixe o Colectivo NÓS, como un grupo de celtistas que se xuntan con humildade e sen complexos para lucir as cores da bandeira de Galicia acompañando o Celta no estadio de Balaídos e no seu camiño polas diferentes competicións deportivas, sentíndose fachendosos da sua lingua, raices e identidade.
Colectivo celtista e galeguista NÓS – 19 de setembro de 2013