Con motivo da polémica sobre a sinatura do presidente, Carlos Mouriño, na solicitude de indulto para Jose Maria del Nido, dende o Colectivo NÓS demandamos ao Celta unha aclaración clara e rotunda sobre este polémico tema e unha rectificación se o Sr. Mouriño finalmente asinou a petición de indulto.

A continuación reproducimos o contido íntegro da carta enviada polo noso Colectivo á o Sr. Carlos Mouriño, Presidente do R.C. Celta:

Estimado señor:

O Colectivo celtista e galeguista NÓS ao que pertencemos, aínda que non federado, temos presenza de socios/as en tódalas bancadas de Balaídos, cousa non moi habitual nas peñas do Celta. Aínda que todos/as compartimos as premisas celtistas e galeguistas, esta diversidade de bancadas dá unha idea das distintas sensibilidades existentes dentro do Colectivo NÓS.

Ante os rumores dos últimos días, en relación a sinatura que supostamente vostede en calidade de presidente do R.C. Celta de Vigo subscribíu para solicitar o indulto de José María Del Nido, despois de que unha sentenza da Sala do Penal do Tribunal Supremo o condenase a sete anos de cadea pola súa implicación no “Caso Minutas”, trama de corrupción no concello de Marbella.

NÓS, como colectivo e representación de varios celtistas, solicita pola súa parte unha aclaración clara e rotunda sobre este tema, xa que esa suposta sinatura, aínda que sexa a nivel persoal, é tamén a sinatura do Celta de Vigo, de tódolos socios/as, accionistas, simpatizantes e todo o que este club representa por historia e tradición.

Ben coñecemos, que dende o club non se actúa á lixeira, nin se deixa nada ó azar. Por iso, solicitamos dita aclaración ou rectificación no seu caso. Tan doado como negalo no caso de que sexan simples rumores dos medios de comunicación, ou recoñecelo aberta e públicamente en caso afirmativo, xa que o seu nome apareceu nos medios de comunicación como un dos asinantes de tal indulto en palabras do propio Del Nido.

En caso afirmativo coñeza de antemán que terá a nosa máis enérxica protesta e repulsa, xa que dende o Colectivo NÓS estamos en total desacordo, e rexeitamos a impunidade en temas de corrupción e malversación de cartos públicos, en tódolos casos, un tema especialmente insultante, cando hai moitas familias que fan malabares coas nóminas (no caso de habelas) para chegar á final de mes.

Non pode ser que este club subscriba outras medidas solidarias como apoiar a folga xeral do pasado ano, do que tantos celtistas nos sentimos fachendosos dos eloxios recibidos de todo o Estado e por parte doutras afeccións; e caia agora en erros como pode ser o apoio e xustificación da corrupción asinando á petición dun indulto.

NÓS agardamos unha aclaración, e no seu caso unha rectificación. Se non obtemos unha resposta pola súa parte entón consideraremos aquilo de “quen cala outorga”.

Sen máis enviámoslle un cordial saúdo tanto a vostede coma a tódolos membros do Consello de Administración, Fundación e traballadores da nosa querido Celta.

Colectivo celtista badocams e galeguista NÓS