A pasada tempada de Liga 2019-2020 foi extraña por mor da pandemia mundial da Covid que obrigou aos nosos gobernantes a tomar medidas moi drásticas coma a paralización temporal da competición ou impedir o acceso das afeccións aos estadios para evitar aglomeracións nas bancadas que ocasionasen gromos incontrolados.

A tempada de Liga 2020-2021 comezou igual a como rematou a anterior. Pero nesta actual primavera co inicio da vacinación masiva e a mellora da situación sanitaria por fin poidemos albiscar un futuro de normalidade coa entrada restrinxida dos seareiros nas bancadas. E os partidos do Celta B na segunda metade da competición da extinta Segunda B foron o campo de probas para o regreso do celtismo ao estadio, primeiro en Barreiro e agora en Balaídos.

Moitos socios/as do Colectivo NÓS puideron acceder a Balaídos para animar aos rapaces do equipo filial na súa loita polo ascenso a Segunda División e aquí deixamos algunhas imaxes que nos enviaron e o acredita. Ogallá na vindeira tempada 2021-2022 poidamos estar todos xuntos de novo na bancada.