O sábado 5 de abril a afección celeste sufríu o secuestro das súas estreleiras, bombos e determinadas bufandas no estadio de Vallecas. A seguridade privada confiscou estas bandeiras galegas baixo o argumento de que “incitaban á violencia”. Mesmo durante o partido un axente de seguridade perseguíu na bancada unha das bandeiras que superara a censura. Minutos despois de rematar o encontro foi confiscada outra bandeira a un siareiro cando abandonaba o estadio.
Ante estes feitos varios membros do Colectivo NÓS, xunto a outras siareiras e siareiros, pedimos explicacións e a demandamos á seguridade privada do Rayo a devolución do material, antes de abandonar o estadio. Porén, baixo diferentes escusas: que estaba na Comisaría de Vallecas, que non sabían onde estaba, que se o tiraran, etc; negáronse a devolver o material confiscado (a excepción dos bombos).
Na defensa dos nosos dereitos dende o Colectivo NÓS procedimos do seguinte modo:
O luns 7 de abril o Colectivo NÓS enviou un escrito á comisaría de Vallecas para coñecer a situación do material confiscado. O encargado policial da seguridade en Vallecas contactou con nós e sinalou que o material non estaba na comisaría e que o correcto é devolver “o material bloqueado por seguridade” tras rematar o partido. O axente criticou a actuación da seguridade privada.
Ante esta resposta o Colectivo NÓS solicitou á seguridade do Rayo a devolución do material confiscado. Tras varias chamadas telefónicas, correos electrónicos e unha viaxe a Vallecas, o pasado domingo 20 de abril, unha caixa con material censurado á afección celeste foi entregada a dúas persoas do Colectivo NÓS.
Polo presente comunicado poñemos no voso coñecemento todos estes feitos e animamos a afección galega a denunciar este tipo de situacións que padecemos en moitos campos do Estado. Así mesmo, pregamos a afección celeste que sufriu o secuestro do seu material que contacte con NÓS no correo electrónico 1923nos@gmail.com para proceder a súa devolución (descoñecemos se temos a totalidade do material secuestrado).