O pasado sábado 9 de febreiro un ano máis os amigos celtistas da peña Siareiros Dezaos organizaron o V Cocido Celeste e no que nos xuntamos 80 de celtistas de diferentes partes da Galiza.
O punto de encontro coma de costume foi o bar Fogar de Asorey, sede de Siareiros Dezaos, a primeira hora da mañá onde fomos chegando tódolos celtistas chegados dende Vigo, Compostela, O Salnés, Ourense, etc. Logo nos desprazamos ata o Pazo de Liñares na parroquia de Prado para facer unha visita e percorrido polo seu interior onde atópase unha importante colección galega de títeres e monicreques, unha exposición permanente sobre o veciño dezao e aviador Xaquín Loriga e outra interesantísima mostra arqueolóxica con achádegos de diferentes lugares da provincia de Pontevedra.
Máis tarde regresamos novamente ata o Fogar de Asorey para tomalo vermute e seguir o partido do Celta contra o Getafe antes de acudir ao Restaurante Taboada que nos acolleu para degustar un completo cocido en fraternidade celtista ata mediada a tarde cunha completa sobremesa onde departimos un bo anaco entre todos acompañados dunha boa queimada coa que nos agasallaron os Dezaos.