De como chegou unha bufanda nosa ata Bos Aires

É ben sabido que o galego universal Alfonso Daniel Rodríguez Castelao morreu un 7 de xaneiro do 1950 tras varios anos loitando contra un cancro na cidade de Bos Aires, onde se establecera no 1940 despóis de percorrer medio mundo defendendo a causa republicana e galega por sitios tan afastados coma Moscova, Nova Iorque ou A Habana. Alí na cidade porteña, e acompañado da numerosa comunidade galega, vivíu os seus derradeiros anos anceiando voltar a súa Terra da que se atopaba exiliado por mor da longa noite de pedra á que foi sometida Galiza pola represión franquista.

O que non é tan coñecido é que, a día de hoxe, no hospital do Centro Galego de Bos Aires aínda manteñen musealizada co mobiliario da época a habitación 202, o cuarto onde finou o noso inmorrente Castelao, como reza a placa conmemorativa situada na súa porta. Alí, noutra punta do mundo, atopámonos cun gran anaco da nosa historia recente, un patrimonio de todos e todas os galegos e as galegas que corre risco de desaparecer. E foi alí, na cama onde morreu o noso Castelao, onde tivemos a ousadía de colocar unha bufanda do Colectivo Nós como pequena homenaxe dende o orgullo celtista ao noso galego máis universal.

O Centro Galego de Bos Aires, que coñecimos o pasado 2 de febreiro dentro dunhas vacacións familiares nese gran país que é Arxentina, foi fundado no ano 1907 co obxectivo de cubrir as necesidades da colectividade galega residente no país austral como asistencia médica, alfabetización, oficina de traballo e inmigración, etc. Dende entón vivíu épocas de esplendor que foron esmorecendo co avellentamento dos galego-arxentinos, o desvencellamento das novas xeracións co país de orixe, a pésima xestión do centro nos últimos anos e a crise eterna na que está instalada Arxentina. Isto conlevou a que no ano 2012 e despóis dun período de xestión conxunta coa Xunta de Galicia, que segundo nos informaron na actualidade non aporta un peso ao mantemento do centro, a través da Fundación Galicia Salud, o Centro Galego foi intervido xudicialmente debido ás importantes dificultades económicas que estaba, e continúa a estar, vivindo a entidade.

Na actualidade o Centro Galego non só mantén os servizos sanitarios contando con 7.000 persoas asociadas das que preto de 5.000 son de orixe galega, ademáis do hospital que ten toda a súa cartelería bilingüe castelán-galego, conta tamén co Instituto Arxentino da Cultura Galega, a Biblioteca Manuel Murguía con máis de 20.000 volumes, a Sala de Exposicións Isaac Díaz Pardo no vestíbulo do propio hospital, o teatro Castelao, unha importante pinacoteca e fondo artístico galego arxentino e un arquivo histórico cultural onde se recollen documentos sonoros, fotográficos, audiovisuáis e musicáis que constitúen unha auténtica memoria histórica da nosa emigración e, polo tanto, parte fundamental do patrimonio material e inmaterial do noso país.

Ante a situación actual, o pasado 23 de marzo houbo unha asemblea na sé da Federación de Sociedades Galegas na República Arxentina co obxectivo de buscar alternativas para o Centro, alternativas que agardo aínda que o dubido, sexan acompañadas por medidas de apoio dende a administración galega.

Bon, agardaba que este escrito fora unha visión máis persoal da visita que fixemos ao Centro Galego, dunha pequena historia duns celtistas pola Arxentina; da extrana sensación ao entrar nunha humilde habitación dos anos 50 onde a imaxinación case faite sentir a presenza do rianxeiro que te observa dende un novo ollo de vidro coma nas Memorias dun Esquelete; do Tiago e mailo Paulo e ás carreiras polos corredores do vetusto edificio; de cómo preguntaban quen era Castelao e porqué, coma fixeron os seus bisavós, moitos galegos e galegas que tiveran que marchar do país a un exilio, ben económico, ben social, sempre obrigado; do escudo do Centro Galego que ten a mesma cruz de Santiago que o RC Celta; do coñecemento e recoñecemento do noso clube na Arxentina… mais relendo agora o escrito vexo que derivou nun ton de reclamo, mais contar unha experiencia dun lugar tan especial que vimos que estaba nun estado comatoso e non denuncialo, pois… a verdade non me sae.

Así que xa sabedes, se tedes a fortuna de visitar Bos Aires non dubides en coñecer o voso Centro Galego situado na Avenida Belgrano 2199, lembrando que é requisito imprescindible inscribirse previamente con alomenos un día de antelación, chamando ao tel. 4127-1283 ou escribindo a correo instituto.cultura@centrogallegoba.com.ar e se non tedes esa sorte non esquezades difundir a situación do centro e reclamar das institucións galegas un trato axeitado para protexer o noso patrimonio.

Saúdos Celtistas!

Fon López

Máis información: Centro Galego de Bos Aires e páxina en Facebook para salvar o Centro Galego de Bos Aires