A tarde do pasado domingo 5 de novembro de 2017 será desas que ficarán gravadas longo tempo na memoria dos celtistas que presenciaron en Balaídos o encontro do Celta co Athletic: foi a primeira vitoria en casa contra os vascos nos últimos 14 anos.

Un vibrante primeiro tempo do Celta fixo tremer o vello estadio do Val do Fragoso e tamén desfrutar a toda o celtismo cos 3 goles do equipo, e para moitos a imaxe de Iago Aspas celebrando o seu segundo gol fronte a NÓS na bancada de Marcador quedará fixada por moito tempo nas retinas.

Na previa do partido re encontrámonos con celtistas de fora da nosa terra, coma Alberto que comanda a Sección Llionesa, bastión do celtismo no Reino de León; ou tamén a xa vellos amigos vascos coma Borja Merino (de orixes galegas) e sua compañeira, siareiros do Athletic, e que apresentáronnos ao seu pequeno cativo que a ben seguro continuará no futuro cos lazos de fraternidade e amizade entre as afeccións galega e euskalduna.

Durante o encontro dende a zona do Colectivo NÓS na bancada de Marcador por iniciativa de varios socios nosos amosáronse varias esteladas en solidariedade coa situación que se vive en Catalunya nestes momentos. Galiza con Catalunya, solidariedade!