O xoves 3 de novembro permanecerá para sempre na memoria dos 1.300 celtistas que puxeron o pé nas terras holandesas gañadas a un oceáno que tan ben coñecemos os galegos. O Celta agardaba pola sua afección en Amsterdam (ou ao revés segundo quen chegara antes) para tentar un golpe na historia das noites de competición europeas xogando contra o AJAX.

No medio das hordas celestes que invadiron as rúas de Amsterdam camiño do estadio estiveron case dúas decenas de socios do Colectivo NÓS. Moitos viaxaron o propio día do partido ou no anterior, pero tamén houbo quen o fixo case a última hora despóis de presenciar e alentar en directo en Gran Canaria 3 días antes ao Celta contra a UD Las Palmas.

E sonaron a Rianxeira, o Miudiño, o himno do Celta e mailo himno de tódolos galegos na Praza de Nieuwmarkt, no metro e dentro do Amsterdam Arena. Atronaron na capital holandesa os cánticos e voces deses 1.300 celtistas que non cesaron no seu apoio ao equipo a máis de 2.000 km de casa nunha noite que non saíu coma todos soñaramos. Pero así é o fútbol, como a propia vida.

E agora quedarán menos de 20 días para a noite máis decisiva na competición continental do Celta en 10 anos, que será o vindeiro 24 de novembro en Balaídos, cando recibiremos ao Standard de Liexa cun coitelo entre os dentes (figurado) para loitar pola vitoria que nos proporcione a segunda praza do noso grupo e o billete para a seguinte eliminatoria da Europa League camiño dunha soñada final en Solna.

24 de novembro: o noso Día D.