O pasado xoves, un autobús repleto de celtismo, partíu dende o vello Balaídos co obxectivo de cruzar toda a península para dar alento ao Celta no estadio Ciutat de Valencia. Neste bus, organizado brillantemente pola peña Sempre co Celta, viaxamos algunhas persoas do Colectivo NÓS.

Chegamos a unha cidade de resaca despois dunhas fallas pasadas por auga. Tempo frío, con vento e chuvascos. Deixamos o Sol pola choiva e iso que din que no noso país sempre chove. Porén, non hai tempo nin quilómetros que impidan á afección celeste estar cos nosos.

IMG-20150320-WA0022

Facendo turismo por Valencia.

Chegamos ao estadio do Levante con tempo suficiente para arroupar a chegada do conxunto celeste. Despóis tocou facer a previa cos compañeiros da Peña Blau Cel. Entramos no estadio e ocupamos o noso lugar na bancada visitante. Alentamos durante os noventa minutos. Despóis de doce horas de autobús o mínimo é facerse notar na bancada e abofé que o fixemos. Poucas gorxas pero con moita forza. O Celta puxo o fútbol e o Levante… bueno, xa sabemos o que pon o conxunto valenciano.

A dez minutos para o final do partido chegou a tormenta ao Ciutat de Valencia. Os locais comezaron a desfilar polos vomitorios co partido empatado e o seu equipo xogándose a permanencia. Supoño que non están feitos a auga. Nós resistimos o chaparrón e a recompensa foi o gol de Charles no minuto 86. Gooooooool. Tolemia celeste na bancada. O silencio do estadio roto por un recuncho 100% celtista, que coas gorxas rotas celebraba unha importante vitoria. Que bonito é berrar un gol do teu equipo nun campo alleo. Compartimos o alboroto coa xente da Peña Esmorga, galegos emigrados en Valencia e figuras míticas no celtismo como Noel. Que bonito é ser do Celta!

O asubío final chegou no momento máis forte do chaparrón. Equipo e afección fundidos nun abrazo eterno. Agradeceron o noso apoio desde o centro do campo e despóis achegáronse a nosa zona para aplaudir a fidelidade dunha afección que nunca falla.

IMG-20150321-WA0006

Na saída do estadio co material recuperado.

Aquí debería rematar este artigo. Porque o fútbol debería ser isto e nada máis. Unha afección que percorre quilómetros para alentar aos seus e defender as súas cores. Porén, isto é cada vez máis complexo. Nas portas do Ciutat de Valencia sufrimos, máis unha vez, a censura inxustificada de parte da nosa simboloxía.

No acceso ao estadio a seguridade privada impediunos entrar á bancada con estreleiras e mesmo coa bufanda do noso Colectivo. Tras requerir a presenza do responsábel de seguridade do conxunto levantino pedimos explicacións ante esa actitude. O conto de sempre “ese material en este campo puede incitar a la violencia”. En serio? Temos que aguantar a mesma merda cada vez que viaxamos co noso equipo? Dous días paseando por Valencia sen problema algún. Perfecta convivencia coa afección granota. Pero non podemos meter no campo nada que teña unha estrela vermella porque ao parecer xenera violencia.

En tú campo lo puedes meter porque no incita a la violencia pero aquí puede incitar a la violencia”. Queda claro que o noso material non está prohibido, a censura ven dunha interpretación incorrecta da norma. Se viaxamos a un campo cheo de racistas tampouco poden entrar persoas negras porque incitan á violencia? Lamentábel.

Vivimos tempos de represión na nosa sociedade e o fútbol, lonxe de ser alleo a esta realidade, actúa como amplificador da mesma. Hai tempo que a afección galega sufre a censura dunha simboloxía que non é ilegal e que debería ser respectanda nunha democracia formal. Porén, a realidade é outra. Os nosos dereitos non poden ser pisoteados baixo a escusa de evitar un problema inexistente e que ten como única finalidade censurar aquela simboloxía contraria ao pensamento único.

Non calarán as nosas voces! Sempre Celta!