Comunicado oficial de máis de 60 peñas celtistas sobre o reparto das entradas para o derbi do próximo 21 de novembro en Riazor:

Dende as peñas celtistas que participan neste comunicado queremos amosar a nosa desconformidade có reparto de entradas feito para o próximo derbi na Coruña.
Entendendo que o baixo número de entradas dispoñíbeis fai que sexa imposíbel satisfacer toda a demanda, cremos que o sistema elixido para a distribución, discrimina e prexudica gravemente aos aboados non residentes en Vigo ou ós peñistas.

Facer que só se poidan retirar as entradas, de dúas en dúas, en persoa e coa documentación correspondente, en día laborábel, e avisando deste feito con menos de 24h. de antelación, é, en realidade, impedir que prácticamente ningún aboado ou peñista, non residente en Vigo ou arredores poida adquirir as entradas.

Con esta medida o Real Club Celta converte aos aboados ou peñistas de fóra de Vigo en aboados e peñistas de segunda clase e con menos dereitos.

En canto ás peñas, que facemos moitos quilómetros ao longo do ano para apoiar ao noso equipo, ben sexa cada quince días en Balaídos ou ben en desprazamentos a outros estadios, superando moitos requisitos e controis documentais, ignórasenos e déixasenos fóra do desprazamento máis significativo do ano para o Celtismo. Chegando esta medida ata o absurdo cando deixa fóra do reparto de entradas ás peñas que hai na cidade de A Coruña.
A imaxe que queda, é que as peñas só importan cando vívense malos intres ou cando as viaxes son de longa distancia e só elas están dispostas a viaxar.

Preguntámonos nestes intres para que pertencemos a unha Federación de Peñas que tódolos anos firma un convenio co Celta no que se inclúe como se xestionarán as entradas da afección visitante, pero nas viaxes “compricadas” non aparece, (aínda que o avisa con moito tempo de antelación).
Quedamos coa sensación de que se apostou polo método máis sinxelo para o clube dende o punto de vista loxístico, pero apresuradamente, sen dialogar e sen pensar en tódolos colectivos afectados pola decisión.

ESIXIMOS QUE DE AGORA EN ADIANTE HAXA MAIS DÍALOGO E RESPALDO POR PARTE DO CLUBE HACIA AS PEÑAS, E SE TRATE A TODOS OS ABOADOS E PEÑISTAS POR IGUAL INDEPENTEMENTE DO SEU LUGAR DE RESIDENCIA, E QUE SE SEXA XUSTO COS PEÑAS QUE TRABALLAN A COTÍO PARA FACER MÁIS GRANDE A ESTE CLUBE.